Nova

Mar intensifica a campaña ‘X unha costa + segura’ para extremar as precaucións nas zonas portuarias durante o verán

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira, Marta Villaverde, presentou en Sada a iniciativa informativa que chama á responsabilidade da cidadanía para compatibilizar a actividade dos peiraos co ocio náutico e o turismo

Sada (A Coruña), 5 de agosto de 2026

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, intensifica a campaña X unha costa + segura que chama á responsabilidade da cidadanía para extremar as precaucións nas zonas portuarias durante o verán. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, explicou no porto de Sada esta iniciativa cuxo obxectivo é compatibilizar a actividade propia dos peiraos co ocio náutico e o turismo en condicións de seguridade.

Villaverde, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, detallou que o ente público está a instalar 150 carteis informativos que recollen recomendacións para minimizar a interacción entre axentes portuarios, navegantes e bañistas durante os meses de verán no que se multiplica a afluencia de visitantes nas contornas marítimo portuarias. Neste senso, agradeceu a colaboración de todos os axentes que desenvolven a súa actividade nos portos e apelou á responsabilidade cidadá  para cumprir coa normativa que vela pola seguridade das persoas e as instalacións. Así mesmo, a conselleira agradeceu o esforzo do persoal gardapeiraos e destacou a importancia do traballo de todos os corpos de seguridade nas tarefas de vixilancia.

Polo que respecta ás recomendacións que se recollen na cartelería informativa apélase tanto a bañistas como navegantes. Así, lémbrase que está expresamente prohibido o baño en augas  portuarias, así como mergullarse desde o peirao ou outro equipamento como guindastres. Do mesmo xeito, prohíbese o tránsito por diques e espaldóns. Ademais, a conselleira destacou a relevancia da limitación de velocidade a 3 nós tanto no interior das dársenas como nas demais aproximacións en embarcación á costa. Polo que respecta aos fondeos, están prohibidos nas canles de acceso aos portos, ao igual que nas zonas de baño.

Xunto a estes aspectos portuarios, a normativa de seguridade na liña de costa recolle outra serie de limitacións, fundamentalmente nas contornas das praias, como a navegación limitada a 3 nós nunha banda litoral paralela á costa de 200 metros de ancho ou a reserva do interior das zonas balizadas das praias exclusivamente para bañistas.

Zonas de aparcadoiro

Durante a presentación da campaña, a conselleira apelou tamén ao cumprimento da normativa de aparcadoiro nas zonas portuarias. Lembrou que só está permitido o aparcamento nos lugares sinalizados e que estacionar noutros espazos, especialmente nas ramplas supón un grave risco, tanto para os propios vehículos como para a seguridade xeral do porto. Non en van, os automóbiles estacionados nas ramplas impiden a circulación doutros vehículos, embarcacións ou maquinaria imprescindible en situacións de emerxencia e salvamento.

Imaxes relacionadas