Nova

O 'Movemento Azul' da Xunta remata a rolda de campamentos de verán en Entrimo ensinando aos máis pequenos ás profesións do mar

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe o campamento autonómico Penedos de Xacinto, no que preto de cen escolares se familiarizaron con estes oficios e coa economía azul

Entrimo (Ourense), 6 de agosto de 2026

O campamento Penedos de Xacinto, en Entrimo, celebrou hoxe a última parada de verán do itinerario formativo Movemento Azul da Xunta, impulsado pola Consellería do Mar, para que a cativada coñeza o potencial profesional, sostible e científico do sector marítimo-pesqueiro.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou nas actividades do campamento autonómico “Teatro e Aventura na Natureza”, onde preto dun cento de nenas e nenos de entre 7 e 11 anos sumáronse aos obradoiros didácticos de Un Mar de Profesións. Rapaces e rapazas organizáronse en tres áreas de traballo móbiles para afrontar retos adaptados á súa idade e coñecer os distintos oficios propios do mar. Así, na área de tradición e regulación comprobaron o funcionamento de artes tradicionais e aprenderon a verificar as tallas mínimas dos bivalvos con calibres reais. Na estación de ciencia e biodiversidade, os nenos e as nenas aprenderon a recoñecer a fauna autóctona das rías galegas, e, na zona de navegación, exercitaron o cálculo de rutas manexando cartas náuticas, regras e compases para trazar o rumbo dos barcos tendo en conta as particularidades das rías galegas.

Tras superar con éxito os desafíos das distintas estacións, cada participante recibiu o seu ‘Pasaporte de profesións do mar’, un recoñecemento simbólico que os acredita como embaixadores do coidado e protección do medio mariño galego e que xa acadaron máis de 700 nenos e nenas este verán.

A conselleira puido comprobar, de primeira man, a implicación da cativada nas actividades propostas, e sinalou o importante que é espertar o interese polos sectores do mar nos máis pequenos da casa, amosando á infancia as opcións de futuro ligadas á actividade pesqueira e marisqueira, á investigación e á sustentabilidade ambiental.

Imaxes relacionadas