Nova

Villaverde reúnese con Interfish para analizar os retos aos que se enfronta esta organización interprofesional

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar reuniuse co presidente e co director xerente da entidade para abordar a actualidade do sector e coordinar accións conxuntas

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo un encontro co presidente da Organización Interprofesional Pesqueira Interfish-España, Joaquín Cadilla, e co seu director xerente, Sergio Acevedo, para avaliar a situación das frotas de palangre de superficie dedicadas a especies como o peixe espada e a quenlla, entre outros, así como o consumo destes produtos.

Durante a xuntanza abordáronse os principais retos aos que se enfronta esta actividade nos mercados, así como a necesidade de seguir coordinando estratexias que garantan condicións axeitadas para a súa comercialización e sostibilidade. Así mesmo, repasáronse as iniciativas que se desenvolven ao abeiro do convenio de colaboración entre a Xunta e a interprofesional para 2026, dotado con 95.000 euros -47.500 euros apórtaos o goberno galego, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA)- co obxectivo de apoiar a presenza do sector na feira Conxemar e difundir o valor nutricional e a seguridade dos produtos do mar con rigor científico.

O encontro serviu para estreitar a colaboración institucional na defensa da rendibilidade e a competitividade desta flota. Nesta liña, Marta Villaverde puxo en valor o peso estratéxico deste colectivo que integra a entidades como ORPAGU, OPROMAR, OPP Burela e Conxemar, cuxa actividade mobiliza 120 barcos e sustenta máis de 4.800 empregos directos e indirectos.

Imaxes relacionadas