Nova

Portos de Galicia consensúa co sector profesional da Guarda melloras nas instalacións

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Natalia Botana visitou a dársena guardesa e comprometeu a renovación do portalón de entrada á zona de varada de embarcacións para reforzar a seguridade da frota

A Guarda (Pontevedra), 9 de setembro de 2026

Portos de Galicia renovará o portalón de entrada á zona de varada das embarcacións no peirao do municipio pontevedrés da Guarda. Así o confirmou está mañá a presidenta do ente público nunha visita ao porto para consensuar co sector profesional melloras para as súas instalacións.

Botana, que estivo acompañada polo alcalde da Guarda, Roberto Álvarez, confirmou a próxima substitución do sistema de control de accesos á zona de traballo dos mariñeiros, tal como solicitaba a confraría de pescadores. Así mesmo, a presidenta de Portos e o patrón maior revisaron o estado dos departamentos de usuarios e acordaron traballar de xeito coordinado para mellorar estes locais e as condicións de traballo dos profesionais que os utilizan. Durante o encontro abordouse, ademais, a planificación da segunda fase da renovación da rampla de varada, logo da obra de ampliación executada anteriormente polo ente público.

Finalmente, durante a súa visita a presidenta de Portos comprobou tamén o remate das obras de acondicionamento da nave de redes da Guarda. Esta actuación, orzamentada en 12.000 euros, foi executada pola Consellería do Mar no marco do plan de equipamentos portuarios e permitiu habilitar unha nova zona de traballo para o desenvolvemento da actividade das redeiras.

Imaxes relacionadas