Nova

A Xunta esíxelle a Bruxelas a revisión inmediata do veto ao palangre tras constatar o informe Ispamer que este arte non ten impacto nos hábitats mariños

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Marta Villaverde destaca que o estudo técnico acredita que o sistema tradicional pedra-bola é respectuoso co medio e desmonta as medidas desproporcionadas do Regulamento 2022/1614 da Comisión Europea

Sinala que o informe reforza os argumentos xurídicos presentados ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) para tombar a veda en 87 áreas de pesca do Atlántico nororiental

Bruxelas (Bélxica), 9 de setembro de 2026

A Comisión Europea debe escoitar á ciencia, asumir a evidencia técnica e corrixir, de inmediato, as severas restricións aplicadas ao palangre de fondo tradicional. Así o esixiu hoxe a conselleira do Mar, Marta Villaverde, ao defender que o informe técnico ISPAMER demostra de xeito irrefutable o impacto case nulo desta modalidade sobre os Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMV) e desmonta as hipóteses xenéricas coas que se vetaron 87 áreas do Atlántico nororiental sen atender á selectividade nin ás especificidades do tipo de arte denominado pedra-bola. 

Villaverde trasladou esta demanda durante a súa intervención na sede do Parlamento Europeo, no marco da presentación dos resultados finais do proxecto ISPAMER (2023-2025), desenvolvido polo Centro Oceanográfico de Vigo do IEO-CSIC xunto á Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7) e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). No acto, promovido xunto a Cepesca e Europêche, participaron a presidenta da Comisión de Pesca (PECH) da Eurocámara, Carmen Crespo, eurodeputados, científicos e representantes do sector pesqueiro. 

A titular de Mar remarcou que o palangre pedra-bola non ten relación co arrastre, xa que alterna pesos e flotadores para manter a liña suspendida na columna de auga a máis de 70 metros do leito mariño, cunha superficie de contacto físico de só 1,87 m² por xornada. A monitorización de 6,36 millóns de anzois durante tres anos revelou unicamente dez fragmentos de especies vulnerables —0,0016 exemplares por cada mil anzois— e confirmou un 91,6 % de capturas de pescada con menos do 1 % de descartes. 

A responsable autonómica lamentou que Bruxelas tomase decisións desproporcionadas baixo un déficit evidente de datos rigorosos, ignorando o severo impacto socioeconómico sobre vilas pesqueiras altamente dependentes deste tipo de pesqueira como Burela ou Celeiro, que rexistraron caídas de ata o 31 % nas descargas de pescada e do 39 % na facturación por barco.

Por todo iso, concluíu que as evidencias achegadas por ISPAMER son determinantes tanto para que a Comisión exclúa, de urxencia, a esta frota das prohibicións como para reforzar o recurso de casación que Galicia litiga xunto ao Estado ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).

 

Imaxes relacionadas