Nova

Villaverde reitera en Vigo que Galicia reclama un Fondo Pesqueiro Europeo forte e específico para garantir o futuro da da cadea mar-industria

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Salienta o liderado na execución do FEMPA en España tras certificar preto de 65 M€ en 2025 e prevé mobilizar máis de 55 M€ este ano

Reclama a Bruxelas eliminar as trabas no cómputo de arqueo para axilizar a descarbonización, a mellora da habitabilidade a bordo e a captación de talento novo

Vigo, 10 de setembro de 2026

A pesca europea atópase nun momento decisivo e precisa dun marco financeiro comunitario que garanta a súa viabilidade e capacidade de transformación. Así o remarcou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, durante a inauguración da XIII Conferencia Internacional sobre o Futuro da Pesca, organizada pola Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), onde defendeu a necesidade de que a Unión Europea manteña no próximo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 un fondo específico e cun orzamento robusto para a pesca e a acuicultura, dando continuidade ao actual modelo do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Neste sentido, Villaverde explicou que a Xunta está a intensificar a súa axenda institucional en Bruxelas —tras manter onte mesmo contactos no Parlamento Europeo co relator da Comisión de Pesca para o novo período orzamentario, André Franqueira Rodrigues— para insistir en que as rexións altamente dependentes do mar non sufran retrocesos na disponibilidade e xestión dos fondos. A titular de Mar insistiu en que a futura reforma da Política Pesqueira Común (PPC) debe simplificar os trámites burocráticos e flexibilizar as axudas comunitarias á renovación da frota, suprimindo as limitacións de capacidade e arqueo que impiden modernizar as embarcacións con criterios de maior sustentabilidade, seguridade e confort.

Durante a súa intervención xunto ao presidente de ARVI, Javier Touza, a responsable autonómica puxo en valor a capacidade de xestión do Goberno galego, que sitúa a Galicia como líder estatal na execución do fondo FEMPA. Destacou que en 2025 a comunidade acadou un nivel de execución do 105 % respecto ao obxectivo fixado, cun gasto certificado próximo aos 65 millóns de euros, ao tempo que avanzou a previsión de mobilizar máis de 55 millóns de euros adicionais ao longo deste 2026 para afianzar a competitividade e resiliencia de toda a cadea mar-industria.

Villaverde coincidiu cos organizadores da xornada en que a colaboración público-privada e o acceso ao crédito son alicerces indispensables para encarar a transición enerxética e dixital antes do horizonte de 2035. Do mesmo xeito, sinalou que a captación e retención de talento representa o principal reto estratéxico do tecido armador, polo que apelou a sumar forzas entre Administración e empresas para mellorar as condicións de traballo a bordo e facer atractiva a actividade mariñeira para as novas xeracións.

Imaxes relacionadas