Nova
O Goberno galego destina máis de 97.800 euros á confraría de Barallobre para a limpeza e protección do medio mariño
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe nos traballos de recollida de residuos e de arribazóns de algas na praia de Maniños
Estas accións realízanse no marco das axudas a proxectos para a protección e recuperación da biodiversidade da Consellería do Mar
Fene (A Coruña), 10 de setembro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe, xunto á directora territorial da Consellería do Mar, María José Cancelo, e ao patrón maior da Confraría de pescadores Barallobre, Jorge López, nas actividades de limpeza que o pósito está a realizar na praia de Maniños.
Estas accións, tal e como destacou Aneiros, realízanse no marco das axudas que o Goberno galego outorga a proxectos para a protección e recuperación da biodiversidade mediante a recollida de residuos e de arribazóns de algas. Para isto, a Confraría de Barallobre recibiu unha achega de máis de 97.800 euros para as anualidades 2026 e 2027, unha cantidade destinada a sufragar materiais e outros custos.
Os traballos, nos que participan 21 profesionais do marisqueo, asegurarán que os bancos marisqueiros da zona non se vexan afectados por algas ou residuos que puideran ser prexudiciais. A delegada destacou estas accións “coas que se coida da nosa contorna e se protexe o medio mariño, tan importante para a economía galega”. Durante os traballos realizados esta mañá, o pósito contabilizou un total de 1071 kg de residuos recollidos.
A convocatoria, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), contou cun orzamento de máis de 1,2 M€.