Nova
Villaverde apela á unidade do sector para que Bruxelas escoite a Galicia e garanta un fondo pesqueiro específico e suficiente
A titular de Mar reclama unha asignación de, como mínimo, 290 M€ para a pesca e a acuicultura no próximo marco financeiro comunitario 2028-2034, coa aspiración de incrementar esta cifra
Defende que a sustentabilidade debe atender por igual aos seus piares ambiental, social e económico porque “non hai pesca sostible, nin mares sostibles, sen as xentes do mar”
Ribeira (A Coruña), 11 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, apelou hoxe á unidade de acción entre o sector pesqueiro e as administracións para reforzar a posición de Galicia nos debates que determinarán o futuro da pesca europea. Durante a clausura da V Xornada Técnica de Pesca de Ribeira, organizada pola Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Eugenia-OPP83, a titular de Mar destacou que o complexo mar-industria afronta unha etapa “decisiva” marcada pola negociación do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 e pola futura reforma da Política Pesqueira Común.
Villaverde salientou que Galicia está afrontando ambos debates cun elevado grao de consenso entre a Administración autonómica e os profesionais do mar. Neste sentido, defendeu que, como principal rexión pesqueira de Europa, Bruxelas non pode facer “oídos xordos” ás demandas trasladadas desde Galicia.
Entre elas, a conselleira situou como prioridade que o próximo marco financeiro europeo manteña un fondo específico, xusto e suficiente para a pesca e a acuicultura. Así, Villaverde reiterou a reclamación galega dunha dotación de como mínimo 7.290 millóns de euros, en liña coa proposta formulada desde a Eurocámara, como punto de partida para a negociación. Recordou tamén que o Consello Galego de Pesca aprobou por unanimidade un ditame crítico coa proposta inicial da Comisión Europea e que a Xunta está desenvolvendo unha axenda de contactos nas institucións comunitarias para sumar apoios á posición de Galicia.
A responsable do Goberno galego puxo tamén especial énfase na necesidade de que a futura política pesqueira europea equilibre os tres piares da sustentabilidade. Tras recoñecer os avances realizados na protección dos recursos e do medio mariño, coa implicación e o esforzo dos propios profesionais, advertiu de que é preciso situar ao mesmo nivel os aspectos sociais e económicos.
Villaverde valorou especialmente que a xornada celebrada en Ribeira puxese o foco nalgúns dos desafíos que Galicia considera prioritarios para o futuro da frota. Entre eles, citou a necesidade de contar con fondos suficientes e accesibles para a súa renovación, reducir as cargas burocráticas, revisar as limitacións vinculadas á capacidade e ao arqueo dos buques, facilitar a cesión de capacidade dispoñible e impulsar financeira e tecnolóxicamente a descarbonización.
A Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Eugenia-OPP83 conta cunha frota integrada por 17 buques, 10 de arrastre e 7 de cerco, que operan no caladoiro Cantábrico-Noroeste. A Consellería do Mar destinou preto de 1,3 millóns de euros á entidade a través dos distintos fondos pesqueiros europeos.