Nova
A Xunta e a RAG abordan novas vías de colaboración en ámbitos vinculados á cultura marítima de Galicia
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo hoxe un encontro co presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, para abordar posibles vías de colaboración e iniciativas relacionadas coa posta en valor da cultura e do patrimonio lingüístico vinculado ao mar.
Durante a reunión tratouse especialmente o proxecto Denominación Galega da Fauna Mariña, impulsado pola RAG, que ten como obxectivo establecer nomes oficiais e normalizados para as especies de peixes presentes ou comercializadas nas augas galegas, recuperando tamén denominacións tradicionais empregadas polos pescadores e persoas mariscadoras. A iniciativa permitiría avanzar nun repertorio de referencia con aplicación nos ámbitos pesqueiro, científico, educativo, gastronómico e comercial.