Nova
A Xunta advirte de que o novo reparto estatal da cota de sardiña deixa ao xeito en desvantaxe fronte ao resto da flota
A Consellería do Mar alerta de que a resolución publicada o 11 de setembro incorpora as 383,9 toneladas do mecanismo de optimización a unha bolsa común sen prever unha asignación específica para esta arte tradicional
Galicia reclama que se respecte o tratamento diferenciado do xeito, que conta cunha cota propia e cun plan de xestión con topes reducidos para favorecer o alongamento da pesqueira
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia mostra a súa preocupación polo sistema de reparto establecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para as cantidades dispoñibles de sardiña ibérica obxecto do mecanismo de optimización anual, ao considerar que a súa aplicación pode deixar en desvantaxe a frota que emprega a arte do xeito.
A Consellería do Mar reclama ao Goberno central que estableza unha asignación específica para esta modalidade pesqueira dentro das 383,9 toneladas habilitadas mediante a resolución publicada o pasado 11 de setembro no Boletín Oficial do Estado, de xeito que estas cantidades poidan integrarse adecuadamente no plan de xestión existente en Galicia.
O Goberno galego lembra que o xeito conta cun tratamento diferenciado dentro da xestión da pesqueira da sardiña ibérica. Do total da cota correspondente a España, esta arte dispón dunha asignación autónoma e específica, sobre a que se articula o plan de xestión galego. Este modelo establece topes de captura reducidos co obxectivo de favorecer un consumo ordenado da cota e prolongar a actividade ao longo da campaña, contribuíndo así á estabilidade desta frota artesanal e á continuidade da pesqueira durante o maior período posible.
Porén, a resolución estatal que activa o mecanismo de optimización anual determina que as cantidades dispoñibles pasen a formar parte dunha bolsa común á que poderán acceder os buques autorizados unha vez esgotadas as posibilidades de pesca inicialmente asignadas e ata o eventual consumo total da bolsa común. O Ministerio fixa ademais un tope máximo inicial de 1.500 quilos por buque e día natural.
A Xunta considera que este sistema non ten en conta a singularidade do xeito nin o feito de que esta modalidade parte dunha asignación propia e dunha planificación específica orientada a dosificar as capturas. Neste sentido, advirte de que a aplicación dunha bolsa común pode prexudicar unha frota que, precisamente por manter límites máis baixos de captura, podería ter unha menor capacidade para acceder ás cantidades dispoñibles antes do esgotamento do fondo común.
Por este motivo, a Consellería do Mar solicita que unha parte das cantidades procedentes do mecanismo de optimización sexa asignada especificamente ao xeito, do mesmo xeito que esta modalidade dispón dunha cota diferenciada nas asignacións iniciais e noutras modificacións das posibilidades de pesca.