Nova

A Xunta reivindica en Madrid a xestión do FEMPA e esixe a Bruxelas menos burocracia e un fondo específico a partir de 2028

1 de 2
2 de 2

O director xeral de Pesca, Isaac Rosón, participou na X Xornada de Opromar sobre o balance e as perspectivas do financiamento europeo no Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Defendeu flexibilizar o cómputo de arqueo para axilizar a descarbonización e blindar unha dotación mínima de 7.290 M€ para o sector no vindeiro Marco Financeiro Plurianual

Madrid, 15 de setembro de 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou en Madrid na mesa redonda sobre a xestión autonómica do FEMPA dentro da X Xornada organizada pola Organización de Productores de Pesca del Puerto y Ría de Marín (Opromar). No encontro, celebrado no Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Rosón puxo en valor a capacidade de execución da Administración galega e expuxo as principais propostas da comunidade para optimizar a chegada dos fondos europeos ao tecido produtivo.

Durante o balance do período vixente, o director xeral salientou a solvencia de Galicia, que superou con éxito o cumprimento da regra n+3 en 2025 ao certificar máis de 64,5 millóns de euros ante a Comisión Europea, acadando un grao de execución do 104,3 % sobre o obxectivo fixado. Rosón remarcou que o departamento autonómico mobiliza todo o crédito dispoñible desde o inicio de cada exercicio para garantir que os recursos asignados ata 2029 cheguen con axilidade á frota, ao marisqueo e á acuicultura.

No capítulo de dificultades, o responsable autonómico sinalou a excesiva rixidez burocrática e a complexidade na tramitación das axudas de capital como os principais atrancos que enfrontan tanto as administracións intermedias como os propios solicitantes. Neste sentido, avogou por simplificar os requisitos de xustificación e unha revisión do marco regulador comunitario que penaliza os investimentos en habitabilidade, seguridade e eficiencia enerxética ao computalos inxustamente como un incremento da capacidade pesqueira pola vía do arqueo (GT).

Rosón fixo fincapé en que a pesca precisa instrumentos estables que amortezan os altos custos operativos e aseguren a soberanía alimentaria da Unión Europea. Por iso, insistiu na necesidade de que as directrices de sustentabilidade ambiental avancen sempre a carón da viabilidade socioeconómica das empresas armadoras e das confrarías.

De cara ao vindeiro período 2028-2034, o director xeral defendeu a postura estratéxica de Galicia de contar cun fondo financeiro específico, independente e protexido, cunha dotación mínima de 7.290 M€. Tamén rexeitou os intentos de diluír os apoios nun fondo común xeral. Nesta liña, esixiu preservar a capacidade de decisión das comunidades autónomas para evitar a centralización da xestión.

Imaxes relacionadas