Nova

Villaverde salienta o protagonismo de Galicia como rexión convidada na feira Auténtica Premium Food en Sevilla

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A titular de Mar pon en valor esta distinción como un recoñecemento á calidade, sustentabilidade, innovación e excelencia da produción alimentaria galega

O stand institucional da Xunta conta coa participación de 12 empresas galegas coexpositoras, ás que ofrece un escaparate para reforzar a súa visibilidade e establecer novos contactos comerciais

Sevilla, 15 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe a feira Auténtica Premium Food Fest, que celebra a súa cuarta edición no Palacio de Congresos e Exposicións de Sevilla, nunha edición especialmente significativa para a comunidade, ao participar Galicia como Rexión Convidada 2026. Un recoñecemento, sinalou a titular de Mar, que reforza a proxección da comunidade como referente europeo nos produtos do mar e pon en valor a calidade, sustentabilidade, innovación e excelencia da súa produción alimentaria.

Durante a súa visita, Villaverde estivo acompañada polo consejero de Agricultura, Pesca, Auga e Desenvolvemento Rural de la Junta de Andalucía, Ramón Fernández-Pacheco, e por representantes da organización do certame. A responsable autonómica visitou o stand institucional da Xunta e mantivo contacto coas empresas galegas presentes na feira.

A titular de Mar puxo en valor a oportunidade que representa esta distinción para amosar ante compradores, distribuidores, restauradores e profesionais da gastronomía a capacidade do complexo mar-industria galego para ofrecer produtos de elevada calidade e valor engadido, cunha identidade estreitamente ligada á orixe e ao territorio.

Neste sentido, destacou a importancia de participar en encontros profesionais destas características para facilitar novas oportunidades de negocio ás empresas galegas, abrir mercados e consolidar a presenza dos produtos do mar de Galicia nos principais canais de comercialización. O perfil profesional de Auténtica permite precisamente establecer contacto directo con responsables da gran distribución, importadores e exportadores, restauración, canal Horeca e responsables de compras.

Doce coexpositores galegos

O stand institucional da Consellería do Mar conta nesta edición con 12 empresas galegas coexpositoras, dúas máis das inicialmente previstas debido á elevada demanda de participación. Cada unha dispón dun espazo comercial individualizado para expoñer os seus produtos, atender visitas e manter reunións profesionais.

A presenza da Xunta articúlase nun espazo concibido como unha plataforma de promoción comercial dos produtos do mar galegos e como punto de encontro co sector. Ademais, o espazo conta cunha aula de catas inmersiva na que se desenvolve un programa de experiencias divulgativas e gastronómicas arredor dos produtos do mar de Galicia. As actividades permiten achegar aos profesionais da distribución, a restauración e a hostalería aspectos como a orixe dos produtos, os métodos de captura ou produción, a súa calidade e as súas posibilidades gastronómicas.

Imaxes relacionadas