Nova
A Xunta salienta o papel das EDLP na protección do patrimonio marítimo como motor de emprego e identidade nas comunidades costeiras
A conselleira do Mar participou na inauguración da IV xornada online «Avanzando», organizada polo GALP Golfo Ártabro Sur para trocar experiencias de dinamización litoral a nivel nacional
Marta Villaverde reivindicou a memoria viva das vilas costeiras e lembrou que os oito GALP galegos xestionan proxectos apoiados con fondos FEMPA ata 2029 tras mobilizar 10,2 M€ para garantir a súa continuidade
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou hoxe a IV xornada online Avanzando: Patrimonio marítimo material e inmaterial: identidade, memoria e futuro, organizada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur. No foro, a titular de Mar destacou o papel de Galicia como punto de encontro estatal para conectar o coñecemento e as boas prácticas dos territorios litorais. A comunidade conta cunha ampla bagaxe e na actualidade concentra preto da metade das iniciativas desenvolvidas no conxunto de España ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) .
Durante a súa intervención, Villaverde subliñou que a preservación do patrimonio material —como portos, embarcacións tradicionais, lonxas e conserveiras— debe camiñar da man da salvagarda do patrimonio inmaterial, no que salientou o oficio dos carpinteiros de ribeira, a sabedoría dos mariñeiros, o esforzo das mariscadoras e a memoria oral transmitida de xeración en xeración. Nese sentido, puxo como exemplo as liñas de traballo da Consellería do Mar a través do Plan da Cultura Marítima de Galicia e o primeiro Censo do Patrimonio Marítimo galego, presentado esta mesma semana en Madrid.
A conselleira reivindicou que a protección desta identidade cultural non responde a un exercicio de nostalxia, senón que constitúe un piar estratéxico para fixar poboación, xerar postos de traballo cualificados e facer o sector atractivo para a remuda xeracional. Así mesmo, gabou a capacidade das EDLP que, co apoio da Consellería do Mar, transforma ideas locais en motores reais de desenvolvemento sostible e diversificación socioeconómica na costa. Neste senso, Villaverde considera imprescindible que no novo Marco Financeiro Plurianual se conserve a especificidade destes grupos e que conten cun financiamento suficiente para seguir contribuíndo a dinamizar as zonas costeiras.
O encontro serviu de escaparate para proxectos de ámbito estatal e autonómico. Entre eles expuxéronse iniciativas como o Ecomuseo a flote (GALP Golfo Ártabro Sur), Ardora en Bueu (GALP Ría de Pontevedra), o centenario da Confraría de Burela (GALP A Mariña-Ortegal) ou o proxecto de accesibilidade cognitiva e arquitectónica da Asociación Ámbar (GALP Ría de Arousa), en diálogo con propostas desenvolvidas en Cataluña, Euskadi, Murcia e Menorca.
Villaverde remarcou o compromiso da Xunta co labor destes grupos, lembrando a sinatura das addendas aos cadros de financiamento do FEMPA cunha mobilización de 10,2 millóns de euros para estender a súa vixencia ata 2029. Este apoio asegura o funcionamento dos oito GALP de Galicia, que reúnen a máis de 400 entidades locais e canalizan iniciativas que representan a arredor de 13.000 profesionais do mar en toda a comunidade.