Nova
A Xunta esíxeslle ao Goberno central que presione en Bruxelas para renovar o acordo pesqueiro con Mauritania
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, traslada por carta a Luis Planas a preocupación do sector polo bloqueo negociador a dous meses de que expire o protocolo con maior peso económico da UE
Advirte do impacto sobre máis de 50 barcos con licenza en España e alerta de que a perda de presenza europea deixará vía libre a frotas como as de Rusia, China ou Turquía
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, dirixiuse por carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para demandar a implicación política do Goberno central perante a Comisión Europea en defensa dos intereses da frota galega ante o vencemento inminente do convenio pesqueiro vixente con Mauritania.
O protocolo actual, iniciado o 15 de novembro de 2021, remata o vindeiro 14 de novembro sen que as distintas roldas de conversacións iniciadas a principios de ano estean a dar froito. Villaverde advertiu a Planas do risco real de ter que recorrer a unha prórroga técnica ou de asumir un cesamento temporal da actividade, un escenario que xera fonda inquedanza no sector e no Goberno galego.
O caladoiro mauritano sustenta o acordo de maior dimensión económica de cantos mantén a Unión Europea con terceiros países, cunha contribución financeira anual que a propia Comisión cifra en 60,8 millóns de euros. Dun centenar de licenzas comunitarias distribuídas entre 10 Estados membros, España é o país máis beneficiado ao concentrar máis de 50 autorizacións para embarcacións de Galicia, Andalucía, Canarias e País Vasco.
Dimensión xeopolítica
Por último, Villaverde fixo fincapé nas implicacións xeopolíticas de non acadar unha renovación en tempo e forma, advertindo de que calquera retirada europea deixaría o caladoiro a mercé de potencias como Rusia, China ou Turquía, que operan baixo normativas e estándares ambientais moito menos esixentes. Por todo elo, a conselleira do Mar reclamou a máxima firmeza diplomática a nivel de Estado para pechar o acordo antes do 14 de novembro e instou o Ministerio a deseñar, en paralelo, unha estratexia para abrir novos acordos bilaterais con países como Angola, Guinea Conakry, Tanzania ou Kenia para blindar o futuro da frota.