Nova

A Xunta fomenta unha maior presenza de mulleres nos espazos de decisión do sector pesqueiro e marisqueiro

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou en Arcade (Soutomaior) a xornada ‘Muller, Mar e Liderado’, un encontro práctico para impulsar a participación feminina nos órganos de goberno das confrarías

Destacou que o sector afronta importantes retos e desafíos nos que resulta imprescindible contar co talento e a capacidade de liderado das mulleres

Soutomaior (Pontevedra), 22 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, inaugurou en Arcade a primeira xornada Muller, Mar e Liderado, un encontro organizado pola Consellería do Mar en colaboración coas federacións de confrarías de pescadores provinciais para fomentar a participación das mulleres nos espazos de representación e toma de decisións do sector pesqueiro e marisqueiro. Unha iniciativa que está especialmente orientada ás mulleres traballadoras do mar e terá continuidade nas outras provincias costeiras de Galicia.

Durante a apertura, Villaverde destacou que o sector afronta importantes retos relacionados coa innovación e transformación, a sustentabilidade dos recursos e a remuda xeracional, desafíos nos que considera imprescindible contar co talento e a capacidade de liderado das mulleres. “O sector precisa do valor, a forza e a enerxía que temos as mulleres para afrontar os retos que se presentan”, sinalou, antes de subliñar que as mulleres son “un activo esencial para transformar e modernizar este sector”. Neste sentido, lembrou que as mulleres representan unha parte fundamental da actividade pesqueira e marisqueira e animounas a dar un paso adiante na dirección e gobernanza das entidades do sector.

A xornada está concibida como un espazo práctico e colectivo e non como un encontro meramente teórico ou inspiracional. Ao longo de catro horas, as participantes comparten experiencias reais e traballan sobre os obstáculos que poden dificultar o acceso aos postos de liderado, coñecen de primeira man o que implica asumir responsabilidades directivas en confrarías, xuntas xerais ou empresas pesqueiras e adquiren ferramentas para afrontar situacións profesionais concretas.

A programación combina conversa con referentes do sector, mesas de traballo e obradoiros sobre comunicación, xestión de conflitos, liderado e desenvolvemento do potencial persoal, acompañados por profesionais especializadas.

Eleccións nas confrarías

A iniciativa cobra especial relevancia ante as vindeiras eleccións ás confrarías de pescadores, que se celebrarán nos vindeiros meses. Neste contexto, a conselleira do Mar animou as participantes a formar parte das candidaturas e a ocupar os espazos de responsabilidade que lles corresponden, poñendo como exemplo a mulleres que xa exercen ou exerceron postos de máxima responsabilidade no sector, como as actuais patroas maiores do Grove, Redondela e Lourizán. “As mulleres sempre sostiveron o mar xunto cos homes. E agora toca que tamén o gobernemos xuntos”, concluíu Villaverde.

A conselleira sitúa esta iniciativa dentro da aposta por reforzar a participación feminina como elemento necesario para o futuro do sector. A xornada parte da realidade de que as mulleres teñen un peso destacado en diferentes actividades do mar, pero continúan tendo unha presenza menor nos órganos de goberno e decisión das confrarías, polo que busca proporcionar ferramentas, confianza e acompañamento para facilitar o seu acceso a estes espazos.

 

Imaxes relacionadas