Nova

A Xunta colabora no fomento da comercialización e o consumo de conservas de peixe e marisco entre a mocidade

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou na presentación da terceira edición de A Matriculata, impulsada por ANFACO-CECTMA

A Consellería do Mar achega 198.440 € ao convenio de colaboración con esta entidade para 2026

A campaña percorrerá sete campus universitarios galegos cunha foodtruck, degustacións e propostas pensadas para achegar estes produtos aos estudantes

A Coruña, 23 de setembro de 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, visitou onte na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña a foodtruck da terceira edición de A Matriculata, campaña impulsada por ANFACO-CECTMA, na que colabora a Consellería do Mar, para achegar as conservas de peixe e marisco á comunidade universitaria. Durante a presentación da iniciativa, o representante autonómico salientou a importancia deste tipo de accións para fomentar entre a mocidade o consumo de produtos do mar e divulgar as súas propiedades nutricionais e posibilidades gastronómicas.

Neste sentido, Rosón puxo en valor a colaboración que a Xunta mantén con ANFACO-CECTMA para favorecer a promoción e comercialización dos produtos da industria transformadora. A Consellería do Mar achega en 2026 preto de 200.000 euros ao convenio coa entidade, importe cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Neste convenio enmárcase esta terceira edición de A Matriculata.

A campaña, que este ano se desenvolve baixo o lema O Corpo pídeche Matriculata, busca concienciar os estudantes sobre a importancia dunha alimentación saudable e amosarlles que as conservas permiten preparar pratos sinxelos, rápidos e nutritivos. Para iso, unha foodtruck percorrerá sete campus universitarios de Galicia, nos que ofrecerá degustacións gratuítas de conservas de peixe e marisco e diferentes propostas para incorporalas á alimentación cotiá.

Nesta terceira edición, a iniciativa incorpora tamén un novo receitario baixo o concepto receitas segundo o teu mood, con propostas adaptadas a diferentes momentos da vida universitaria. Ademais, contará coa participación dos creadores de contido gastronómico Alberto Ribas e Chema García, que compartirán consellos e ideas cos estudantes.

A ruta comezou o 21 de setembro e prolongarase ata o 1 de outubro, cun percorrido por sete campus universitarios galegos. A iniciativa dá continuidade ás dúas edicións anteriores e procura conectar cun público novo a través dunha fórmula próxima e participativa, baseada na degustación e na divulgación das calidades nutricionais e culinarias das conservas.

Imaxes relacionadas