Nova
Villaverde salienta en Vilanova de Arousa a sustentabilidade e o valor diferencial da acuicultura ecolóxica galega
A conselleira do Mar visitou na ría de Arousa catro bateas certificadas polo Craega antes de comezar a xunta de goberno da entidade
A Xunta leva mobilizados máis de 180.000 € en convenios co consello regulador para impulsar o control e a comercialización dos produtos do mar ecolóxicos, que representan máis de 12 M€ de volume de negocio
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 23 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na visita en barco a explotacións acuícolas sustentables no marco da xuntanza plenaria do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) en Vilanova de Arousa. Acompañada polo presidente do organismo, Francisco López, polo secretario, Javier García Lozano, e por membros da directiva, a responsable autonómica coñeceu sobre o terreo os procesos de cultivo e extracción diferenciada de mexillón e a recolleita de algas baixo os rigorosos estándares de calidade ambiental e certificación europea.
Villaverde salientou a consolidación e a proxección estratéxica da produción ecolóxica ligada ao mar. Segundo os últimos datos oficiais de Craega, o subsector da acuicultura e as algas ecolóxicas conta en Galicia con 147 operadores dedicados á cría sustentable e 13 á recollida de vexetais mariños, xerando conxuntamente máis de 12,1 millóns de euros en valor económico certificado en orixe.
A conselleira enmarcou este impulso na cooperación permanente que mantén a Xunta co consello regulador, co que asinou acordos por un importe superior aos 180.000 euros desde 2015 para mellorar a promoción, o control e a comercialización dos produtos certificados. Nesa liña, lembrou o convenio subscrito para este exercicio 2026, dotado con 25.000 euros, dirixido a garantir os labores de asesoramento técnico, supervisión e dinamización da acuicultura ecolóxica.
Desde a Estación Marítima Mar de Santiago, a embarcación achegouse á contorna do Faro de Cabalo e do Faro do Seixo, onde puideron observar bateas certificadas. Durante a travesía presenciáronse traballos de mergullo profesional para a recollida de algas directamente do fondo mariño, unha técnica respectuosa co ecosistema que pon de relevo a coexistencia produtiva e a biodiversidade nas nosas rías.
Villaverde remarcou que apostar por esta produción de calidade diferenciada confírelle á cadea mar-industria galega unha vantaxe competitiva nos mercados máis esixentes de Europa, aliñando o rendemento dos bateeiros coa economía circular e o respecto ao medio mariño.