Nova

A Xunta avanza coas confrarías de pescadores da Coruña no impulso ao liderado e á participación das mulleres en postos de responsabilidade no sector

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou a segunda xornada Muller, mar e liderado, dirixida, nesta ocasión a mulleres do mar da provincia da Coruña

O encontro ofrece experiencias de profesionais do sector, mesas de traballo e obradoiros prácticos sobre comunicación, xestión de conflitos e desenvolvemento das capacidades de liderado

Ames (A Coruña), 24 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, inaugurou hoxe, na sede da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, a segunda xornada Muller, mar e liderado, coa que a Xunta continúa impulsando unha maior participación feminina nos espazos de representación e toma de decisións do sector pesqueiro e marisqueiro.

Tras a primeira cita celebrada o pasado martes en Arcade, esta segunda sesión trasladou á provincia da Coruña un formato eminentemente práctico co que a Consellería do Mar busca que as participantes compartan experiencias, identifiquen os obstáculos que atopan á hora de asumir novas responsabilidades e dispoñan de ferramentas que poidan aplicar no seu día a día profesional.

Villaverde incidiu na importancia de que o peso e a experiencia que as mulleres xa teñen nos diferentes ámbitos vinculados ao mar se traduzan tamén nunha maior presenza nos espazos nos que se toman decisións. Neste sentido, puxo en valor a necesidade de favorecer contornas que poidan reforzar a confianza nas súas capacidades, compartir coñecementos e construír redes de colaboración que faciliten novos pasos nas súas traxectorias profesionais.

A programación desta segunda xornada incluíu unha mesa de conversa con Rosi Nieto, directora xeral de Conservas Friscos, e Adela Lestón, mariscadora a pé de Muros, que compartiron coas asistentes as súas experiencias e visións sobre o liderado no sector marítimo-pesqueiro. A partires destes testemuños, as participantes traballaron en grupo sobre cuestións como os recursos dos que dispoñen, os obstáculos que atopan e os apoios que consideran necesarios para avanzar profesionalmente.

A sesión completouse con tres obradoiros centrados en ámbitos concretos: A túa voz conta, orientado á comunicación eficaz; Xestión de conflitos, para abordar situacións profesionais complexas; e Desenvolve o teu potencial, destinado a identificar e reforzar capacidades persoais vinculadas ao liderado.

As conclusións das mesas de traballo servirán, ademais, para recoller as necesidades, propostas e experiencias trasladadas polas propias participantes, de xeito que estas xornadas permitan á Consellería coñecer, de primeira man, a realidade das mulleres do sector e os factores que poden favorecer unha maior participación nos seus órganos de representación e decisión.

O ciclo Muller, mar e liderado completarase mañá venres en Burela coa terceira das xornadas programadas pola Consellería do Mar nas tres provincias costeiras galegas.

Imaxes relacionadas