Nova

A Xunta e Anfaco despregan unha ofensiva institucional para blindar a industria conserveira ante as negociacións da UE con Tailandia

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o secretario xeral de Anfaco-Cytma, Roberto Alonso, demandan que o atún en conserva sexa declarado produto estritamente sensible e se exclúa dos acordos comerciais sen garantías de reciprocidade

Galicia mobilízase perante os comisarios europeos e os ministros responsables de Pesca e de Comercio, a Eurocámara e as rexións da CRPM para evitar unha competencia desleal devastadora

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, compareceu en rolda de prensa xunto ao secretario xeral de Anfaco-Cytma, Roberto Alonso, para advertir do grave risco no que poden desembocar as negociacións comerciais da Unión Europea con países da rexión ASEAN, sendo especialmente relevante o caso de Tailandia, para a sustentabilidade da cadea mar-industria galega. A titular de Mar trasladou unha mensaxe contundente en defensa do sector, asegurando que Galicia non vai permitir que as conserveiras nin o emprego que xeran nas vilas costeiras —maioritariamente feminino— sexan tratados como moeda de cambio ou como un asunto menor nos tratados comerciais comunitarios.

Villaverde expuxo o desequilibrio competitivo que implicaría a entrada sen aranceis de produtos procedentes destes terceiros países, que operan baixo estándares laborais, sanitarios e ambientais máis permisivos e deficiencias na súa vixilancia e control, ademais de xerar vantaxes desleais de prezos mediante a pesca ilegal ou a falta de trazabilidade. Tailandia, principal produtor mundial cunha capacidade que supera as 550.000 toneladas ao ano, exporta hoxe á UE apenas 18.000 toneladas baixo un arancel do 24 %. A súa rebaixa ou eliminación, sumada ao impacto acumulado das concesións xa aplicadas a Vietnam ou Papúa Nova Guinea, ameaza con expulsar do mercado aos produtores comunitarios, como xa quedou demostrado no Reino Unido tras o Brexit.

Ante este escenario, a Xunta e o sector articularon unha estratexia conxunta despregada en tres frontes de actuación coordinadas. En primeiro termo, a través dunha interlocución directa coa Comisión Europea, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dirixiuse por carta ao comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, e ao de Comercio e Seguridade Económica, Maroš Šefčovič. Esixiulles a exclusión do atún das negociacións mentres non se acrediten estándares equivalentes, ou ben que calquera continxente sexa mínimo e vinculado estritamente a normas de orixe baseadas en produto enteiramente obtido, ademais de non incrementar os fluxos actuais, respectando as regras de orixe e con medidas de salvagarda ante incumprimentos.

Paralelamente, a titular de Mar remitiu senllas misivas aos ministros Carlos Cuerpo -responsable de Comercio- e Luís Planas -responsable de Pesca- para que o Goberno central faga valer o peso de España no Consello da UE, ademais de solicitar a implicación da presidenta da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Carmen Crespo, co obxectivo de facer escoitar a voz do sector na Eurocámara antes de que se adopten decisións irreversibles. Esta ofensiva complétase no ámbito das rexións europeas desde a presidencia galega do Grupo de Traballo de Pesca da CRPM, a través da cal se impulsou unha declaración con rexións de España, Portugal, Francia e Italia para reclamar cláusulas espello reais, o uso obrigatorio do sistema CATCH, salvagardas automáticas e a creación dun Observatorio Europeo da Industria Conserveira do Atún.

Esta declaración, que tamén será presentada persoalmente á Comisión Europea en próximas visitas, incorpora ademais a sensibilidade respecto de outra negociación a piques de rematar, como é o caso de Filipinas.

Villaverde concluíu lembrando que Europa produce arredor de 340.000 toneladas anuais de atún e mantén unha cadea de valor que sostén case 80.000 empregos entre directos e indirectos que son fundamentais para a cohesión territorial. “Europa non pode construír a súa soberanía alimentaria desmantelando a súa propia industria para abrir as portas a produtos que incumpren as nosas normas”, remarcou a conselleira.

Imaxes relacionadas