Nova

A Xunta salienta a importancia de fomentar a dieta atlántica e o consumo de peixe entre a mocidade co apoio á iniciativas educativas como o novo xogo da USC

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu á presentación da edición comercial do xogo didáctico Come San, Come Sostible, desenvolvido por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e publicado pola editorial McGraw-Hill. No acto, celebrado no Pazo de Fonseca coincidindo coa Noite dos Investigadores e coa presenza da reitora, Rosa María Crujeiras, Villaverde felicitou aos equipos de CRETUS e de Ciencias da Educación por achegar a ciencia da sustentabilidade aos máis novos a través dunha ferramenta que promove hábitos de vida saudables baseados na redución da pegada ambiental.

A titular de Mar aproveitou a cita para reivindicar a forza da dieta atlántica e as accións que desenvolve a Xunta para achegar os produtos pesqueiros ás aulas. “Queremos que as novas xeracións descubran o tesouro azul que temos nos produtos do noso mar, preservando a nosa identidade mariñeira e promovendo unha alimentación baseada en proteínas de altísimo valor nutricional”, remarcou Villaverde. A conselleira puxo en valor iniciativas autonómicas como a estratexia Movemento Azul, o programa Xeración Peixe ou o apoio a campañas nos comedores escolares como Mexillón de Galicia nas Aulas. Todo isto nun marco de colaboración continua coa universidade, onde o seu departamento leva mobilizados máis de 1,5 millóns de euros desde 2024 en proxectos de investigación aplicada e mellora do medio mariño.

Imaxes relacionadas