Nova
A Xunta acorda co sector tomar medidas nos bancos de Cabío, o Bohído e os Lombos do Ulla para favorecer a súa recuperación
A avaliación científica constata os efectos da baixada de salinidade polos temporais que provocaron unha gran mortaldade e condicionaron a recuperación dos recursos
A medida busca equilibrar a protección dos recursos co apoio socioeconómico ao sector, por iso, dos seis meses de peche, ata tres poderán ser obxecto de axudas por paralización temporal
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo hoxe un encontro con representantes do sector para analizar os resultados das mostraxes realizadas polos técnicos do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) nos bancos de libre marisqueo de Os Lombos do Ulla, Cabío e O Bohído, na ría de Arousa. Á vista da situación dos recursos e dos efectos dos temporais extraordinarios dos últimos anos, na reunión acordouse non abrir a actividade extractiva nestes bancos durante seis meses, entre outubro de 2026 e marzo de 2027, co obxectivo de favorecer a súa recuperación.
A decisión busca preservar a base biolóxica existente e, ao mesmo tempo, atender o impacto socioeconómico que o peche supón para os profesionais que desenvolven a súa actividade nestes bancos. As mostraxes detectan sinais positivos que deben protexerse, entre os que destaca especialmente o enorme recrutamento de berberecho nos Lombos do Ulla, ademais da evolución favorable de determinados recursos en Cabío e dos resultados das actuacións realizadas no Bohído.
Neste sentido, ao igual que na campaña anterior, dos seis meses de peche, ata tres poderán ser obxecto de axudas por paralización temporal para armadores e tripulantes, no marco das condicións que establece o FEMPA e nos termos que determine a correspondente convocatoria. Deste xeito, a medida combina a necesaria conservación dos recursos cun instrumento de apoio ao sector durante unha parte do período no que non poderá desenvolver a actividade extractiva nestes bancos.
Durante este período a Consellería do Mar continuará co seguimento científico dos bancos e estudará, en colaboración co sector, distintas actuacións para favorecer a súa optimización dos recursos. Entre elas figura a posibilidade de trasladar parte do abundante recrutamento de berberecho de talla pequena detectado nos Lombos do Ulla a bancos marisqueiros nos que poida contribuír á recuperación da produción. Estes traballos permitirán compatibilizar a protección dos Lombos cunha actuación activa de recuperación noutros bancos.