Nova

A Xunta e o sector acordan agardar á campaña de Nadal para abrir o libre marisqueo en Ares-Sada e optimizar o rendemento económico

1 de 2
2 de 2

A decisión adoptouse tras avaliar as mostraxes do CIMA, que constatan un incremento do stock de talla precomercial de ameixa babosa e rubia

Realizaranse novas avaliacións biolóxicas en novembro para estudar unha apertura concentrada na campaña de Nadal, repetindo a estratexia sostible do pasado ano

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, mantivo un encontro cos representantes do sector para analizar a situación dos bancos de libre marisqueo da ría de Ares-Sada. Na xuntanza, enmarcada no modelo de coxestión que rexe a actividade marisqueira en Galicia e que contou coa presenza de Gardacostas e persoal científico do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), consensuose adiar a apertura da actividade extractiva e agardar á campaña de Nadal co obxectivo de maximizar a rendibilidade económica e comercial das capturas.

A medida baséase nos resultados das últimas mostraxes técnicas, que constatan unha evolución biolóxica positiva e un incremento moi significativo do stock xuvenil e de talla precomercial de ameixa babosa e ameixa rubia. Diante deste escenario, Administración autonómica e pósitos coincidiron na conveniencia de dar tempo ao bivalvo para que complete o seu crecemento no medio natural, garantindo que alcance o tamaño comercial óptimo nos meses de maior demanda e cotización nos mercados, en consonancia coa xestión adaptativa aplicada con éxito na pasada tempada..

Durante a reunión acordouse continuar co seguimento continuo da ría e levar a cabo novas mostraxes no vindeiro mes de novembro. Con eses novos datos científicos na man, a Consellería do Mar e as confrarías volverán reunirse para determinar a viabilidade e os termos dunha posible apertura temporal en decembro, mantendo como premisa irrenunciable a sustentabilidade biolóxica e o rendemento económico do sector marisqueiro da comarca.

Imaxes relacionadas