Nova

Villaverde valora que a UE abra a porta a empregar fondos públicos para construír novos buques e amósase preocupada polas cotas para 2027

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira do Mar participou hoxe no Consello de Ministros da UE (Agrifish) en representación das comunidades autónomas xunto ao ministro, Luís Planas

Os Estados membros acordaron a súa posición sobre o Regulamento que establecerá as condicións para financiar a Política Pesqueira Común no período 2028-2034

A responsable autonómica lamenta que estea a tramitar agora unha simplificación do Fempa cando a maior parte dos fondos xa están comprometidos

Bruxelas, 29 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe en Bruxelas no Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (Agrifish), ao que acudiu na delegación española como representante semestral das comunidades autónomas con competencias pesqueiras. A xornada concluíu co respaldo dos Vintesete á proposta de Regulamento que fixará as condicións de axuda da UE á Política Pesqueira Común, ao Pacto Europeo polos Océanos e ás políticas marítima e de acuicultura para o período 2028-2034, dando así un paso decisivo na definición do futuro marco de apoio ao sector pesqueiro e acuícola europeo.

Un dos principais avances do acordo acadado polo Consello é a incorporación de novas posibilidades de apoio público aos investimentos na frota, incluíndo a financiación da construción de novos buques. O texto abrangue igualmente o respaldo á modernización dos barcos e ás melloras a bordo dirixidas a favorecer a transición enerxética, incrementar a seguridade e a habitabilidade, facer atractiva a actividade e impulsar a remuda xeracional; actuacións que se levarán a cabo respectando as salvagardas ambientais e o equilibrio coas posibilidades de pesca.

Tras a adopción deste acordo, a conselleira do Mar subliñou a transcendencia do paso dado en Bruxelas. “Demos un paso importante para o futuro da pesca galega, Europa recoñece a necesidade de modernizar e renovar a nosa frota, mellorar a seguridade e as condicións de traballo a bordo e avanzar na transición enerxética”, afirmou Villaverde, que califica este tipo de avances como “fundamentais para garantir a remuda xeracional e que a xente poida seguir vivindo do mar”.

España apoiou o acordo dos Estados membros, valorando de forma moi positiva a inclusión das novas construcións como un paso indispensable para a modernización e descarbonización do sector. Con todo, a delegación trasladou a necesidade de seguir traballando en aspectos chave como o tratamento do arqueo —para que os espazos dedicados a seguridade, habitabilidade e eficiencia enerxética non computen como maior capacidade pesqueira— e subliñou que, para que o mecanismo resulte realmente efectivo, deberá contar cunha dotación orzamentaria suficiente e ambiciosa que permita materializar estas posibilidades de investimento.

Neste sentido, a titular de Mar incidiu en que “agora toca conseguir o financiamento necesario para que este acordo se traduza en barcos máis modernos, portos máis fortes e máis oportunidades para as nosas comunidades pesqueiras”. Neste eido, Villaverde recalcou a esixencia de que o futuro marco sexa áxil e sinxelo, permitindo canalizar axudas de maneira eficaz e sen atrancos burocráticos para que os profesionais poidan dar resposta aos requirimentos que se fixan desde Bruxelas.

A titular de Mar valorou tamén a proposta da Comisión para simplificar o actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), aínda que lamentou de que dita flexibilización “chega tarde, xa que o fondo atópase avanzado no seu período de execución e unha parte moi imporante dos recursos xa está comprometida”, incidiu.

Para Galicia, a prioridade debe ser que calquera modificación do FEMPA poida aplicarse con rapidez e cunha xestión sinxela, de maneira que os recursos que aínda permanezan dispoñibles poidan chegar efectivamente ao sector antes de que remate o actual período de programación.

O Consello tamén abordou a preparación das posibilidades de pesca para 2027, en vésperas de que o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) publique mañá o seu novo ditame. Villaverde amosou a preocupación de Galicia ante as palabras do comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, que adiantou posibles recortes en especies de grande impacto comercial para a frota galega como a xarda, o lirio e a pescada, que este ano xa sufriron reducións drásticas. Tamén subliñou que para salvagardar a viabilidade da nosa frota cómpre ter en conta tanto o criterio científico como o impacto socioeconómico, ademais de acadar acordos firmes cos estados ribereños —como Reino Unido, Noruega ou Islandia— para que respecten a disciplina de capturas e as recomendacións.

A responsable autonómica incidiu na importancia de que a Unión Europea manteña unha posición firme e coordinada nas negociacións internacionais, especialmente no caso das poboacións compartidas con terceiros países, para garantir unha xestión sostible dos recursos e unhas condicións de competencia equilibradas para os pescadores europeos.

Negociacións con Mauritania

Antes do inicio formal da sesión, a conselleira do Mar mantivo un encontro co comisario Costas Kadis, a quen lle trasladou persoalmente a máxima preocupación de Galicia pola falta de renovación do acordo pesqueiro con Mauritania, cuxo protocolo expira o vindeiro 15 de novembro. Marta Villaverde fixo fincapé no carácter estratéxico e vital deste caladoiro para as empresas armadoras e as tripulacións de capital galego que operan na zona, que ven perigar a súa supervivencia en caso de que o acordo non se prorrogue.

Imaxes relacionadas