Nova

Villaverde destaca a coordinación e a prevención como claves para protexer o litoral galego fronte á contaminación mariña

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira do Mar participou en Vigo no peche do exercicio nacional POLEX 2026, no que preto dun cento de profesionais puxeron a proba estes días a capacidade de resposta ante emerxencias no ámbito portuario, marítimo e costeiro

Vigo, 1 de outubro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou hoxe a importancia da prevención, a preparación dos efectivos e a coordinación entre administracións para garantir unha resposta rápida e eficaz ante posibles episodios de contaminación no medio mariño. Fíxoo durante o acto de peche do Exercicio Nacional de Loita contra a Contaminación Mariña POLEX 2026, desenvolvido desde o 29 de setembro na ría de Vigo e no seu litoral.

Impulsado pola Dirección Xeral da Mariña Mercante e Salvamento Marítimo, o exercicio reuniu preto dun cento de profesionais e combinou traballo técnico con manobras operativas nos ámbitos portuario, marítimo e costeiro. O obxectivo foi comprobar a capacidade de resposta e a coordinación dos distintos organismos ante posibles emerxencias e detectar marxes de mellora nos protocolos de actuación.

Villaverde subliñou a especial relevancia deste tipo de exercicios nunha comunidade cunha estreita vinculación económica, social e ambiental co mar e ante unha fachada atlántica pola que navegan cada ano preto de 40.000 buques, principalmente a través do corredor marítimo de Fisterra. Neste sentido, insistiu na necesidade de estar preparados para protexer o litoral e os recursos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas.

“A prevención, a formación continua e a anticipación, en exercicios como este, son os nosos mellores escudos”, afirmou a conselleira, quen incidiu na necesidade de manter actualizados os protocolos e de testar periodicamente a capacidade real de reacción dos medios dispoñibles.

A participación autonómica desenvolveuse, fundamentalmente, a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que colaborou na coordinación ambiental coa Administración marítima e coa Axencia Europea de Seguridade Marítima, así como nas tarefas de vixilancia e intervención, despregamento de barreiras, skimmers e material absorbente e protección dos polígonos de bateas.

Para estas actuacións mobilizáronse as patrulleiras de Gardacostas Punta da Guía, Illa de Simón, Valentín Paz Andrade e Mar de Galicia, cinco embarcacións auxiliares e o buque multipropósito Sebastián de Ocampo, empregado como reforzo e na protección das zonas de cultivo. O exercicio permitiu tamén probar o despregamento de medios en costa, entre eles os empregados na praia de Rodeira, en Cangas de Morrazo.

Villaverde agradeceu, para rematar, o traballo dos profesionais e organismos participantes e puxo en valor a colaboración entre todos eles para seguir mellorando a protección da costa galega.

Imaxes relacionadas