Nova
Villaverde salienta en Cambados o papel estratéxico da cadea mar-industria e o seu arraigo no litoral galego
A conselleira do Mar visitou as instalacións da planta de produción de mexillón do Grupo Angulas Aguinaga no porto de Tragove
Puxo en valor a capacidade innovadora e de transformación do sector
Cambados (Pontevedra), 2 de outubro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou esta mañá as instalacións da planta de produción do Grupo Angulas Aguinaga (anteriormente Mariscos Linamar), emprazada no porto de Tragove, en Cambados, onde mantivo un encontro coa dirección da factoría encabezada por Lina Solla. Durante o percorrido polas liñas de depuración, procesamento e envasado de moluscos, a responsable autonómica coñeceu, de primeira man, os plans de modernización da compañía e a operativa diaria dun dos centros de referencia na transformación e comercialización do mexillón galego.
Na visita, a titular de Mar destacou o valor engadido e a calidade que achegan as empresas transformadoras á economía das vilas costeiras, subliñando o seu papel como motor de emprego local e de apertura cara novos mercados de produtos do mar listos para consumir.
A factoría de Tragove forma parte da rede de centros produtivos do Grupo Angulas Aguinaga e concentra unha actividade punteira na preparación e distribución de mexillón e especialidades mariñas a nivel nacional e internacional. A Xunta mantén o seu compromiso co impulso á modernización, á innovación tecnolóxica e á competitividade das empresas que sustentan a economía do mar en Galicia.