Nova

O novo informe da dragaxe do Lérez ratifica que todos os áridos do ámbito da obra son de categoría a, polo que o material pode depositarse en alta mar

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, deu a coñecer os resultados da caracterización completa requirida polo MITECO que ratifica os datos que xa se obtiveran nas catro campañas realizadas pola Xunta desde 2009

Pontevedra 2 de outubro de 2026

A nova caracterización completa encargada por Portos de Galicia para cumprir co requirimento do Ministerio de Transición Ecolóxica para emitir informe favorable á dragaxe do Lérez ratifica que “todas as zonas que se van dragar no ámbito desta obra clasifícanse como categoría A”, a máis favorable segundo a normativa vixente. Así o comunicou esta mañá a conselleira do Mar, Marta Villaverde, nunha rolda de prensa na que deu conta dos resultados desta nova análise das características dos áridos, composición e propiedades, encargada polo seu departamento a través de Portos de Galicia para poder continuar coa tramitación ambiental do proxecto que permitirá recuperar o calado nas dársenas e canle de acceso ao porto de Pontevedra e conlevará beneficios para os bancos marisqueiros da ría.

Villaverde, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, lembrou que dentro da fase de exposición pública do proxecto, o MITECO esixiu novos estudos a Portos de Galicia para emitir o informe preceptivo que culmine a tramitación ambiental e permita licitar as obras. Ante este requirimento, Portos de Galicia contratou de inmediato a caracterización completa dos áridos, o máis relevante dos estudos solicitados, e esta mesma semana ben de remitirlle os resultados favorables ao Ministerio. Estes resultados, tal como se recolle nas conclusións da caracterización, “son coherentes cos obtidos nas clasificacións anteriores”, resultantes das catas realizadas por Portos de Galicia nos anos 2024, 2020, 2015 e 2009.

Durante a súa intervención ante os medios de comunicación, Villaverde explicou a fórmula de cálculo estandarizada que recollen as Directrices para a Caracterización do Material de Dragaxe, a normativa vixente neste ámbito. A este respecto indicou que a clasificación final como categoría A ven dada pola media ponderada de cada zona.

A conselleira avanzou que, unha vez ratificados os resultados favorables sobre as características do material e remitido a Costas do Estado –dependente do MITECO-, Portos de Galicia está a traballar para completar o estudo solicitado pola dirección xeral de Biodiversidade do mesmo ministerio e que será remitido de inmediato, unha vez rematado. Deste modo quedarán cumprimentadas todas as esixencias realizadas no mes de abril polo Goberno central para poder emitir os informes preceptivos que permitan rematar a tramitación ambiental, obter a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da Consellería de Medio Ambiente, e poder licitar as obras en 2027.

A este respecto Marta Villaverde lembrou que a Xunta mantén a consignación económica necesaria para as obras e que os orzamentos de Portos de Galicia para 2027 recollerán a partida de 12 millóns de euros que permita executar os traballos e dar resposta a unha demanda histórica do sector portuario e marisqueiro da ría de Pontevedra.

Imaxes relacionadas