Nova
Villaverde participa na apertura das xornadas gastronómicas ‘A cociña do mar’ no marco da Festa do Marisco do Grove
A conselleira do Mar asiste a nova edición da cita gastronómica organizada pola asociación de empresarios Emgrobes
A iniciativa pon este ano o foco na escupiña, o muxo e a volandeira para dar a coñecer as posibilidades culinarias de especies menos habituais nos fogóns
O Grove (Pontevedra), 8 de outubro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu esta mañá no Miradoiro da Lonxa do Grove á apertura das XVIII Xornadas Gastronómicas A Cociña do Mar, organizadas pola Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos (Emgrobes) no marco da programación da LXIII Festa do Marisco. O encontro reúne a profesionais da extracción, do tecido empresarial e da restauración arredor do papel que xoga a gastronomía na divulgación e valorización dos produtos pesqueiros e marisqueiros.
Durante a súa intervención, a titular de Mar salientou que estas xornadas amosan o funcionamento coordinado de toda a cadea de valor do litoral. “Desde o mariñeiro e a mariscadora que obteñen o produto co máximo respecto polo medio mariño, pasando polos profesionais da hostalería que transforman esas materias primas en pratos de vangarda, ata a súa maridaxe cos nosos viños con denominación de orixe”, afirmou. Villaverde puxo de relevo que esta colaboración colectiva “é o noso mellor sinal de identidade e de calidade ante o mundo”.
Nesta décimo oitava edición, a programación céntrase en tres especies con marcada personalidade nas rías galegas: a escupiña (ou carneiro), o muxo e a volandeira. A conselleira do Mar remarcou que a súa elección permite reivindicar produtos altamente saudables, de notable potencial culinario e valor económico que reflicten tanto o labor do marisqueo a pé e a flote como a versatilidade do peixe de proximidade.
A xornada incluíu unha demostración culinaria conducida polo xornalista Ignacio Balboa, na que participaron os cociñeiros Rocío Garrido (La Cocina de mi Abuelo), Manuel Domínguez (restaurante Senlleiro) e Alberto Sobral (Caralludo by Chuchi). Os profesionais prepararon diferentes propostas gastronómicas baseadas nas especies protagonistas acompañadas por viños galegos con indicación xeográfica protexida e denominación de orixe, nun espazo divulgativo que, no caso da volandeira, permitiu achegar as súas aplicacións culinarias respectando o período de veda extractiva vixente.