Nova
Villaverde sitúa a sostibilidade económica, social e ambiental no debate sobre o futuro da pesca artesanal
A conselleira do Mar participou na clausura das XII Xornadas de Reflexión sobre a Pesca Artesanal, organizadas pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo
O encontro analizou cuestións como as novas obrigas sanitarias, as capturas accidentais de atún vermello, os despachos telemáticos e a remuda xeracional
Foz (Lugo), 9 de outubro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe en Foz na clausura das XII Xornadas de Reflexión sobre a Pesca Artesanal do Cantábrico Noroeste, organizadas pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo. O encontro reuniu a representantes das confrarías, profesionais do sector e responsables das distintas administracións para analizar os principais desafíos aos que se enfronta a frota artesanal.
Durante a súa intervención, Villaverde referiuse á importancia desta modalidade pesqueira para a actividade económica e a cohesión social das comunidades costeiras, sinalando que a frota artesanal como sinónimo de transformación futuro e sustentabilidade.
Entre os asuntos tratados nas xornadas figuraron as novas obrigas de vixilancia da saúde establecidas polo Real decreto 505/2024, así como a necesidade de unificar os criterios administrativos aplicados aos despachos telemáticos das embarcacións “para que os profesionais poidan dedicarse só a pescar”, subliñou.
O congreso abordou igualmente a problemática das capturas accidentais de atún vermello, as condicións de seguridade a bordo, os custos produtivos, as titulacións náutico-pesqueiras e as dificultades para garantir a remuda xeracional. Outro dos temas examinados foi o Plan Nacional de Restauración da Natureza e as súas posibles repercusións sobre a actividade da frota de baixura.
As xornadas, que se celebran desde 2015, constitúen un espazo de encontro entre as federacións de confrarías de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco para intercambiar experiencias e examinar cuestións comúns relacionadas coa pesca artesanal do Cantábrico Noroeste.