Nova

Villaverde destaca o turismo mariñeiro e a pesca turismo como boas ferramentas para diversificar as actividades dos profesionais do mar

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O encontro, organizado polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, aborda o marco normativo, as experiencias europeas e a comercialización das actividades turísticas vinculadas ao mar

O programa inclúe presentacións de proxectos e visitas para coñecer o traballo de pescadores, mariscadoras e redeiras

Sanxenxo (Pontevedra), 15 de outubro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, inaugurou hoxe nesta localidade o Congreso Internacional Pesca & Turismo, e destacou esta actividade e a do turismo mariñeiro como boas ferramentas para diversificar as posibilidades de ingresos dos profesionais do mar.

O encontro está organizado polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), coa coordinación do GALP Ría de Pontevedra, no marco do proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca & Turismo.

Durante a súa intervención ante profesionais do mar, especialistas en turismo e representantes institucionais, Villaverde encadrou estas actividades como opcións de diversificación para os profesionais e novas propostas para os visitantes. “O turismo mariñeiro e a pesca-turismo non buscan substituír a pesca tradicional. Todo o contrario. Son ferramentas de diversificación e valorización que poden supoñer unha nova fonte de ingresos que garanta o seu futuro”, explicou.

O programa inclúe o troco de experiencias europeas e a análise do papel das confrarías, das organizacións profesionais e dos GALP nestas actividades. Neste contexto, a titular de Mar precisou o enfoque da cita nace “cunha clara vocación internacional, pero sempre desde Galicia e co foco principal posto en Galicia”.

A apertura de embarcacións, lonxas e espazos de traballo ás visitas foi outro dos asuntos presentes no discurso. Ao referirse á relación entre os profesionais e o público, a conselleira sinalou a finalidade educativa destas experiencias, de xeito que “toda a sociedade comprenda o esforzo, o valor e mesmo a maxia que hai detrás de cada captura e de cada profesional”.

A programación práctica permitirá coñecer actividades de turismo mariñeiro e propostas vinculadas así oficios tradicionais galegos. Así, Villaverde aludiu ás “mariscadoras que ensinan o seu oficio, coa mesma paixón coa que o herdaron dos seus antepasados” e ás “redeiras que converten os seus talleres en aulas vivas de aprendizaxe”.

O congreso tamén dedica espazos ao marco normativo do turismo mariñeiro e da pesca-turismo en Europa, á comercialización, á dixitalización e á cooperación entre entidades. A axenda continuará mañá coa presentación de proxectos e as visitas ás actividades profesionais. Na despedida, a conselleira animou os asistentes a aproveitar o encontro “para tecer redes, para compartir experiencias e proxectar ao mundo todo o potencial da Galicia Azul que se mostra neste Congreso Internacional”.

Imaxes relacionadas