Nova
Natalia Botana reafirma o compromiso da Xunta coa modernización portuaria no congreso internacional Bulk Terminals Coruña 2026 sobre tráfico de graneis
A presidenta de Portos de Galicia sinalou a innovación e ciberseguridade, a transición enerxética e a estabilidade reguladora como eixos principais da colaboración público privada para incentivar a actividade económica
A Coruña, 21 de outubro de 2026
A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, participou esta mañá na inauguración do congreso internacional da Association of Bulk Terminal Operators, que aglutina a operadores de tráfico de graneis de diferentes países, que se celebra este ano na Coruña. Na súa intervención no Bulk Terminals A Coruña 2026, que congrega aos principais operadores portuarios e expertos internacionais do sector da carga a granel, Botana reafirmou o compromiso da Xunta coa modernización portuaria e sinalou á comunidade como un refuxio de estabilidade para o investimento industrial.
Durante o acto de apertura do congreso, no que tamén participaron o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández, e representantes do Concello coruñés, Botana destacou tamén o peso estratéxico de Galicia que concentra arredor do 30 % do tráfico de graneis do norte de España. Ademais sinalou os principais eixos de colaboración público privada para incentivar a actividade económica neste sector, que pasan por avanzar en innovación e ciberseguridade, transición enerxética e estabilidade reguladora.
Neste sentido subliñou que, nun contexto internacional marcado polos rupturas nas cadeas de subministro e os cambios arancelarios, de profunda complexidade xeopolítica “a incerteza é a climatoloxía e Galicia é o porto” en alusión ao lema do encontro Afrontando as continuas incertezas. “Portos intelixentes, crecemento verde e un socio estable: esa é a Galicia que convidamos a coñecer ao todo o sector marítimo internacional”, indicou e concluíu que “en tempos de incertezas as rexións que lideran son as que ofrecen seguridade xurídica, resiliencia climática e infraestruturas de primeira orde”.
Debates técnicos estratéxicos
O Bulk Terminals A Coruña 2026 supón o cumio internacional máis importante do sector. Ao longo de dúas xornadas de traballo, hoxe e mañá, desenvolveranse debates técnicos centrados nos desafíos estratéxicos do transporte marítimo, tales como a dixitalización, a descarbonización, a seguridade e a resiliencia das cadeas de subministro.