Nova
Villaverde participa en Vigo na inauguración dun seminario internacional sobre toxinas mariñas emerxentes
O encontro, organizado polo Laboratorio de Referencia da Unión Europea para Biotoxinas Mariñas, reúne expertos internacionais para analizar os avances na detección e control destes compostos nos produtos do mar
Vigo, 22 de outubro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe na inauguración do Seminario Científico sobre Toxinas Emerxentes (Scientific Seminar on Emerging Toxins: Advanced Analytical Approaches), organizado polo Laboratorio de Referencia da Unión Europea para Biotoxinas Mariñas (EURLMB), con sede en Vigo e dependente da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), no que destacou a importancia da cooperación científica no control de ditas toxinas.
O acto inaugural, celebrado nas instalacións do laboratorio no edificio CITEXVI, contou coa presenza de representantes da AESAN, da Comisión Europea e da Universidade de Vigo, así como de investigadores e especialistas en seguridade alimentaria. O encontro, que se desenvolve hoxe e mañá, aborda os retos actuais na identificación e análise de toxinas emerxentes nos produtos do mar.
Durante a súa intervención, Villaverde referiuse á dimensión sanitaria dos asuntos abordados no seminario, sinalando que “protexer o consumidor fronte a estes novos riscos biolóxicos é un deber ético e irrenunciable, que esixe que a ciencia mariña e as administracións públicas operemos como unha soa engrenaxe”.
Neste sentido, a titular de Mar puxo en valor o papel da Axencia Intecmar, recoñecida como Laboratorio Nacional de Referencia, subliñando que “a exhaustiva vixilancia diaria que realiza das nosas augas constitúe un poderoso escudo sanitario e é unha das maiores fortalezas para garantir a excelente produción das nosas rías”.
Ao longo destas dúas xornadas de traballo, o seminario afonda na análise da ciguatera —intoxicación alimentaria ligada a ciguatoxinas— con estudos no Xapón, o protocolo de control oficial nas Illas Canarias e técnicas optimizadas de detección, para continuar mañá co seguimento doutras toxinas emerxentes como as tetrodotoxinas, a portimina A ou as ovatoxinas, o emprego de metodoloxías analíticas avanzadas e as achegas dos laboratorios nacionais de referencia arredor dos principais retos científicos e técnicos do sector.