Nova

Villaverde destaca o valor da investigación aplicada do CIMA e a súa transferencia directa ao sector marítimo de Galicia

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar presidiu a presentación da Memoria de actividades 2025 do Centro de Investigacións Mariñas, que completa o rexistro documental de medio século de historia

O centro pon en marcha un repositorio dixital de libre acceso que reúne preto de 880 pósteres en congresos, máis de 350 artigos científicos e todas as memorias institucionais

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 22 de outubro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou hoxe que o verdadeiro valor do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA) reside “no seu compromiso coa investigación aplicada e coa transferencia directa do coñecemento cara as nosas mariscadoras, os nosos pescadores, confrarías e acuicultores”. Así o manifestou na sede de Corón (Vilanova de Arousa) durante a presentación da Memoria de actividades do organismo correspondente ao ano 2025, un documento que completa “todo un período histórico redondo” ao pechar o balance científico dos 50 anos de traxectoria do centro iniciados en 1975.

No acto, no que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, e o director do centro, Carlos Gabín, a titular de Mar puxo en valor o labor do equipo humano de case 60 profesionais que traballan nas sedes de Corón e Ribadeo. “Cada medida de xestión, cada plan de explotación e cada estratexia de futuro lévanse a cabo grazas a que detrás hai un grande equipo investigador”, sinalou Villaverde, quen lembrou tamén o papel do organismo como formador de talento investigador coa dirección de case corenta teses doutorais.

A publicación presentada recolle os avances logrados en 2025 nun total de 18 accións de investigación e proxectos colaborativos da rede Redemar. Entre os traballos desenvolvidos figuran o seguimento da dinámica da mexilla e o cultivo en batea de semente de mexillón procedente de larvas criopreservadas, a identificación de marcadores xenéticos de tolerancia á salinidade no berberecho, os estudos de patoloxías e parasitos en bivalvos ou os avances no cultivo e diversificación de especies como o ourizo de mar e o salmonete de rocha.

A presentación serviu ademais para anunciar a posta en marcha dun repositorio dixital aberto á cidadanía, desenvolvido co apoio de Amtega, no que se compilan todas as memorias anuais desde 1998, ata 879 pósteres presentados en congresos mundiais, 357 publicacións en revistas científicas e pezas audiovisuais documentais. Os materiais conmemorativos con soporte QR para acceder a este arquivo foron confeccionados de xeito artesanal con materiais reciclados por usuarios do Centro Ocupacional de Saiar (Caldas de Reis), un feito que a conselleira do Mar quixo agradecer de forma expresa como mostra de que a actividade pública e investigadora debe ser “humana, inclusiva e respectuosa coa nosa contorna”.

Imaxes relacionadas