Nova

Galicia reclama á UE un calendario realista para reformar a Política Pesqueira Común

O presidente da Xunta e a conselleira do Mar trasladan ás institucións europeas e ao Goberno central a súa preocupación pola falta de avances concretos e ofrecen a colaboración da Xunta para garantir o futuro da pesca e da acuicultura

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2026

A Xunta reclama á Comisión Europea que revise a Política Pesqueira Común (PPC) e estableza un calendario realista para facelo. O presidente galego, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, trasladaron esta demanda á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, ao comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, á presidenta da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Carmen Crespo, e ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. A Xunta ofrece a súa colaboración para converter a Visión 2040 para a pesca e a acuicultura nun punto de partida para adoptar medidas concretas.

A Xunta valora que a Visión recoñeza problemas estruturais do sector, como a baixa rendibilidade do investimento pesqueiro, que se sitúa no 4,6 %, o envellecemento das frotas e das tripulacións e os resultados insuficientes da obriga de desembarque. Tamén considera positivos os compromisos de simplificación do marco normativo da acuicultura antes de que remate 2027 e de impulso á renovación xeracional. Porén, lamenta que o documento non inclúa un compromiso de propoñer modificacións do Regulamento de base da PPC de 2013, que podería continuar vixente ata 2040, malia as demandas do sector, de trece Estados membros e do Parlamento Europeo.

Galicia non cuestiona o marco ambiental da política pesqueira, que a propia Comisión considera sólido, pero reclama revisar as disposicións que dificultan a actividade e a modernización da frota, especialmente a obriga de desembarque e as regras de capacidade. A idade media dos buques costeiros galegos supera os trinta anos e achégase aos corenta nalgunhas zonas. ”Renovar non é pescar máis“, subliñan as misivas enviadas polos responsables autonómicos en referencia á necesidade de modernizar motores, equipos de seguridade e condicións de habitabilidade sen incrementar a capacidade pesqueira.

A dimensión económica e social da actividade explica a importancia desta reivindicación para Galicia, que conta con preto de 4.200 buques rexistrados, case nove de cada dez de artes menores. A cadea de valor desde a lonxa ata a industria conserveira xera arredor de 9.000 millóns de euros anuais e representa aproximadamente o 5,5 % do PIB galego.

Tamén se reclama que as rexións participen na definición das solucións e que se avance na extensión da información obrigatoria ao consumidor aos produtos preparados e en conserva, unha medida relevante para a transparencia do mercado e para a industria transformadora. No ámbito estatal, proponse que España defenda no Consello de Agricultura e Pesca (Agrifish) un calendario de revisión, unha solución normativa para a obriga de desembarque e a renovación da frota sen aumentar a súa capacidade, así como unha participación efectiva das comunidades autónomas na preparación da posición española.

Galicia, que preside o Grupo de Traballo de Pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas, ofrece a súa experiencia e colaboración para avanzar nestes obxectivos e invita aos responsables europeos a coñecer, de primeira man, a realidade dos portos galegos.