Nova

Villares clausura as Xornadas Técnicas da pesca de Celeiro, que reuniron a máis dunha trintena de expertos

O delegado territorial da Xunta en Lugo gabou “o dinamismo e o compromiso do sector en Galicia” para afrontar retos como o relevo xeracional ou o cambio climático

Viveiro (Lugo), 7 de novembro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na clausura das XXX Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro, impulsadas pola Organización de Produtores do Porto de Celeiro e a Confraría da localidade co apoio do Goberno galego.

As xornadas desenvolvéronse desde o pasado xoves no auditorio da Confraría e contaron cunha trintena de expertos que abordaron o presente e o futuro da pesca desde diferentes perspectivas.

Na súa intervención, Villares gabou o dinamismo e o compromiso do sector en Galicia, afirmando que “loita polo seu futuro á vez que asume a responsabilidade fundamental de protexer o océano e as súas especies, apostando pola sustentabilidade para garantir tamén a actividade das xeracións que virán detrás”.

Neste sentido, fixo referencia aos retos máis inmediatos, “as consecuencias e esixencias do cambio climático e o relevo xeracional”. En relación a este último, sinalou que a implantación do grao de Formación Profesional Dual en Navegación e Pesca de Litoral no instituto María Sarmiento de Viveiro é “outra mostra de que o sector actúa con miras de futuro”. Foi impulsado pola OPP do porto de Celeiro coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no curso 2023-2024; na primeira promoción tituláronse 9 alumnos e actualmente hai 11 matriculados.

Homenaxe ao CETMAR

As Xornadas técnicas da pesca de Celeiro finalizaron cunha homenaxe ao Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) polo seu 25 aniversario. No padroado deste organismo, adscrito á Consellería do Mar, participan varios departamentos autonómicos así como representantes doutras Administracións, das tres universidades galegas e do sector pesqueiro, entre outros.

Alfonso Villares destacou o seu papel “clave para a ciencia e a innovación aplicadas ao mar” e afirmou que “nestes anos demostrou con creces a súa relevancia transferindo o coñecemento desde o ámbito académico ao da empresa”. No acto participou a directora-xerente do CETMAR, Rosa Chapela.