Nova

Portos de Galicia abordará co Concello de Cangas de Morrazo a mellora da nave de deportes náuticos

O ente público lembra que se trata dunha concesión municipal e que a administración local non presentou polo momento o proxecto para a reparación

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026

A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, manterá unha reunión cos representantes do Concello de Cangas de Morrazo para abordar a mellora da nave de deportes náuticos do municipio, situada en dominio público portuario. Nesta xuntanza que promove o ente público, Botana afondará na situación desta nave e nas competencias de cada administración para dar resposta ás necesidades dos usuarios deste edificio.

A este respecto, Portos de Galicia lembra que o Concello de Cangas de Morrazo é o titular deste edificio a través dunha concesión administrativa outorgada pola administración portuaria e que foi a propia administración local a que anunciou unha actuación municipal para mellorar o seu estado. Para este fin, o ente público tramitará os permisos para as obras en base ao proxecto que debe presentar o Concello, pero que este non ten remitido polo momento.

En aras de axilizar unha resposta ás necesidades dos deportistas que desenvolven a súa actividade no peirao cangués, Portos de Galicia ratifica a súa vontade de colaboración institucional. Por este motivo o ente público promove unha reunión de traballo esta mesma semana e mostra a súa total disposición a estudiar calquera proposta que presente o Concello.