Nova
Martina Aneiros destaca o apoio do Goberno galego á modernización do transporte no sector pesqueiro
A delegada de Ferrol coñeceu esta mañá un proxecto de innovación e eficiencia no transporte de produtos pesqueiros posto en marcha por un armador da Confraría de Pescadores de Ferrol beneficiario das axudas da Consellería do Mar a través das EDLP
Ferrol, 10 de novembro de 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá á Confraría de Pescadores de Ferrol para coñecer un proxecto de innovación e eficiencia no transporte de produtos pesqueiros posto en marcha por un dos socios do pósito grazas ás axudas da Consellería do Mar despregadas a través das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) coa colaboración do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte.
O proxecto ten como finalidade modernizar os medios destinados ao transporte e distribución de produtos pesqueiros frescos mediante a adquisición dun furgón isotermo híbrido enchufable (PHEV) e está promovido por un armador que desenvolve tamén a actividade de comercialización polo miúdo de produtos pesqueiros.
O investimento que ascendeu a máis de 40.700 euros, permitirá mellorar a loxística asociada á comercialización, garantir o mantemento da cadea de frío durante o transporte e reforzar a calidade e trazabilidade dos produtos. Ademais a incorporación dun vehículo híbrido enchufable contribuirá á modernización da actividade mediante unha solución de transporte máis eficiente e respectuosa co medio ambiente.
Este é un dos proxectos financiados a través da última convocatoria de axudas do Fempa que conta cun orzamento de 10,3 M€ para as anualidades 2026-2027.