Nova
Portos de Galicia e Nauta Sanxenxo abordan propostas para impulsar a captación de tránsitos náuticos
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2026
A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, mantivo esta mañá unha reunión coa directiva de Nauta Sanxenxo para abordar propostas para impulsar a captación de tránsitos náuticos, barcos transeúntes que fan escala nos portos deportivos. Esta xuntanza enmárcase na rolda de contactos cos operadores da náutica recreativa que a presidenta de Portos está a levar a cabo para unha escoita activa da situación actual do sector.
No encontro, celebrado na sede de Portos de Galicia, Botana ratificou a vontade do ente público de impulsar unha estratexia coordinada para a mellora da infraestrutura portuaria, que redunde no incremento de actividade das instalacións náutico recreativas e no volume de negocio dos seus xestores, así como no sector auxiliar e o conxunto do tecido socioeconómico das vilas mariñeiras.
A presidenta de Portos manifestou así mesmo a disposición do ente público para consensuar cos xestores dos portos deportivos as prioridades de actuación para captar novos barcos en tránsito, fidelizar a chegada dos que xa recalan en Galicia e incrementar as estancias nos peiraos galegos. Finalmente sinalou a necesidade de desestacionalizar a chegada de tránsitos ao abeiro da vantaxe competitiva que supoñen as rías galegas ao permitir a navegación durante todo o ano.