Nova
Villaverde supervisa a última fase das obras de reforzo do abrigo no porto de Barallobre, en Fene
A conselleira do Mar e a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, reuníronse co patrón maior para informar tamén das obras de dragaxe e o inicio dos traballos de contención do noiro arredor da lonxa
Fene (A Coruña), 17 de novembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, visitaron esta mañá o porto de Barallobre, no municipio coruñés de Fene, para comprobar a finalización das obras de reforzo do abrigo executadas polo ente público. Villaverde e Botana, reuníronse co patrón maior do pósito, Jorge López, para informar ao sector do estado das actuacións que Portos de Galicia desenvolve na zona.
A conselleira deu conta de como transcorreu a derradeira fase das obras que consistiron na instalación dun novo dique flotante con elementos de formigón para abrigar a zona de atracada logo do colapso da estrutura de contención das ondas que quedou gravemente danada tras os temporais do pasado inverno. O orzamento desta actuación, tramitada por procedemento de emerxencia dado o risco para a frota con sede en Barallobre, foi de 890.000 euros.
Ademais, durante o seu encontro co patrón maior, Villaverde informou tamén do remate, en días pasados, das obras de dragaxe do porto de Barallobre, no que operan 110 embarcacións de 3ª lista, pesqueiras e marisqueiras. Esta actuación, cun orzamento de 140.000 euros, permitiu recuperar calado ata a cota -2 na zona de pantaláns e ata a cota -3 debaixo do dique flotante e a barreira de protección das ondas.
Así mesmo, a conselleira comprobou os traballos preliminares que Portos de Galicia comezou onte na zona traseira do edificio da lonxa para o reforzo e contención do noiro que rodea o inmoble. As obras, que se executarán nos vindeiros días, teñen un orzamento de 290.000 euros e consisten na estabilización dos dous noiros, lateral e posterior á lonxa, aumentando o seu retranqueo con respecto ao edificio. Deste xeito crearase un espazo no perímetro do edificio que permitirá a circulación de persoas e maquinaria lixeira e mellorarase o illamento da lonxa.
Finalmente, Villaverde informou de que Portos de Galicia ten en contratación o proxecto para a rehabilitación da estrutura do viario de acceso ao peirao, cunha partida orzamentaria para os anos 2027 e 2028 de 350.000 euros.
Visita a peixería da confraría
Durante a visita ao porto, a responsable autonómica, acompañada polo patrón maior, tamén visitou a peixería da confraría, situada no propio edificio da lonxa e inaugurado o pasado mes de abril.
A actuación contara co apoio da Consellería do Mar e cofinanciado nun 70 % polo Fondeo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa), enmárcase na importancia de fomentar e valorizar os produtos de proximidade, mantendo a tradición mariñeira e a excelencia do noso mar.