Nova
Villaverde traslada ao ministro unha posición común das autonomías sobre a reforma da Política Pesqueira Común
A conselleira do Mar solicita intervir o luns no Consello de Ministros de Agricultura e Pesca (Agrifish) en Bruxelas para poder defendela
Reclama que esa PPC renovada teña un calendario e un fondo pesqueiro propio destinado á pesca e á acuicultura
Tamén pediu que se procure frear a proposta de recorte dun 20 % de pescada do sur que propón a Comisión Europea
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, trasladou hoxe ao Goberno central a Posición común impulsada por Galicia e consensuada con todas as Comunidades Autónomas ante a Visión 2040 para a pesca e a acuicultura da Comisión Europea, na que se reclama unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC). Ademais, para defender dita Posición común a conselleira solicitou, formalmente, intervir o vindeiro luns, 23 de novembro, no Consello de Ministros de Agricultura e Pesca (Agrifish) que se celebra en Bruxelas e ao que acode na delegación española como representante semestral das autonomías en materia de pesca.
Villaverde enviou este mediodía unha carta ao Ministerio explicando os detalles do documento acordado entre as Comunidades Autónomas e que defendeu ante o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación esta mesma tarde no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, celebrado por videoconferencia, e que serve de preparación para a reunión do Agrifish.
No marco do debate sobre a Visión 2040, a conselleira instou ao ministro a solicitar que a Comisión Europea inclúa no seu programa de traballo para 2027 unha folla de ruta que concrete o alcance e o calendario da reforma. A conselleira puxo o acento na necesidade de revisar a obriga de desembarque para evitar que o esgotamento da cota dunha soa especie paralice as pesqueiras mixtas e de adaptar os límites de capacidade dos buques para facilitar a renovación da frota sen aumentar a súa capacidade de captura. Tamén volveu reclamoar un fondo pesqueiro propio con recursos suficientes para financiar estas medidas.
TAC e cotas
En relación coa proposta de cotas do Atlántico para 2027, a titular de Mar cualificou de inasumible o recorte do 20 % que propón a Comisión para a pescada do sur. Por iso, pediu ao Ministerio que defenda nas negociacións o mantemento do criterio aplicado este ano ou, de ser preciso un axuste, que a redución sexa menor e gradual, tendo en conta tamén os aspectos socioeconómicos.
Ademais, Villaverde solicitou que a cota de ollomol permita manter a actividade nas pesqueiras mixtas e que as subas propostas para o peixe sapo e o xurelo se trasladen integramente ás cotas da frota. No caso da sardiña, reclamou que se definan con antelación o método e o calendario para fixar as capturas, de xeito que o sector poida planificar a campaña, e coincide coa intención do ministro de pedir un modelo de xestión que non mingüe as capturas dunha especie fundamental para a nosa frota.