Nova
Villaverde destaca o potencial da gastronomía para achegar á cidadanía os produtos da acuicultura ecolóxica galega
A conselleira do Mar participou na Coruña na presentación do programa Do Mar á Terra, produto ecolóxico, impulsado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega)
A iniciativa contempla o emprego dunha embarcación como aula divulgativa que, de prosperar esta experiencia piloto, podería percorrer os diferentes portos do litoral galego o vindeiro ano
A Coruña, 26 de novembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou hoxe o potencial da gastronomía como ferramenta divulgativa para achegar á cidadanía os produtos da acuicultura ecolóxica galega, dar a coñecer o labor dos profesionais que se dedican a esta actividade e sensibilizar os consumidores sobre a importancia dos sistemas de certificación. Así o manifestou durante a presentación do programa Do Mar á Terra, produto ecolóxico, impulsado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) en colaboración con Solochefs Asesoría Gastronómica, celebrada na plataforma náutica do Parrote, na Coruña.
A titular de Mar explicou que estas iniciativas axudan a promocionar os produtos do mar de Galicia e trasladan ao consumidor a existencia desta maneira de producir alimentos. Neste sentido, Villaverde sinalou que “a gastronomía é, probablemente, o vehículo máis amable, directo e eficaz para educar”, ao tempo que incidiu na oportunidade que supón este tipo de experiencias para dar a coñecer os sistemas de certificación dos produtos ecolóxicos.
Villaverde incidiu na necesidade de que Galicia, referente na calidade dos seus recursos e produtos mariños, tamén o sexa no ámbito da sustentabilidade. A conselleira destacou o valor desta iniciativa para fomentar un consumo informado e responsable, que permita á cidadanía identificar os produtos nos mercados e coñecer as particularidades dos seus métodos de produción. Así mesmo, expresou o seu desexo de que esta experiencia poida estenderse ao conxunto do litoral galego, poñendo en valor o traballo dos profesionais do mar e contribuíndo á protección do patrimonio natural.
O programa arranca cunha experiencia piloto no porto da Coruña que contempla a utilización dunha embarcación como aula divulgativa sobre a produción ecolóxica e os seus sistemas de certificación, complementada cun espazo en terra para a degustación de produtos. En función dos resultados, o Craega prevé estender a iniciativa en 2027 mediante unha ruta itinerante polos portos galegos, dando continuidade ás accións divulgativas desenvolvidas o pasado ano nos campus universitarios das sete cidades galegas.