CIMA

O Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA) é un organismo público de investigación dependente da Consellería do Mar (Xunta de Galicia). Realiza unha investigación orientada e aplicada, cuxa finalidade principal é lograr a xestión racional e eficaz dos recursos mariños renovables, no ámbito xeográfico de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

O CIMA intégrao o CIMA-Corón, situado en Corón (Vilanova de Arousa (Pontevedra) e o CIMA-Ribadeo, en Ribadeo (Lugo).

O CIMA-Corón inaugurouse no ano 1975 polo que no 2025 conmemórase o seu 50 aniversario (“50 anos na beira do mar”).

O CIMA-Corón está estruturado en 4 grandes áreas cos seguintes obxectivos:

  • Área de “Acuicultura”. O seu obxectivo é desenvolver e mellorar os procedementos de cultivo das especies mariñas consideradas de interese comercial. O ámbito de investigación nesta área, agrúpase en dúas grandes liñas: cultivo de moluscos e cultivo de peixes.
  • Área de “Patoloxía”. O obxectivo é estudar as enfermidades e alteracións patolóxicas que afectan aos moluscos bivalvos con interese comercial, para establecer estratexias eficaces de loita que permitan minimizar os efectos patoxénicos.
  • Área de “Procesos oceanográficos costeiros”. O obxectivo desta área é o coñecemento dos aspectos da oceanografía relacionados coa produción dos recursos pesqueiros e marisqueiros de Galicia. As liñas de investigación relaciónanse principalmente cos episodios de toxicidade orixinados polo fitoplancto.
  • Área de “Recursos mariños”. O obxectivo é coñecer a bioloxía, ecoloxía e dinámica de poboacións das especies mariñas con interese comercial para mellorar a xestión dos recursos naturais.

O CIMA-Ribadeo foi  inaugurado no ano 1978 polo que no ano 2028 conmemórase o seu 50 aniversario.